O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou o albergue de peregrinos ‘Casa do Asistente’ de Verín, que vén de reabrir as súas portas despois dunha remodelación na que se investiron máis de 142.000 euros e que permitirá á vila ourensá acoller un maior número de peregrinos.
Na visita tamén participaron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e o alcalde de Verín, Gerardo Seoane Fidalgo. Rueda lembrou que Verín é unha das entradas do Camiño de Santiago en Galicia, pois recibe aos peregrinos que veñen dende Portugal polo Camiño Portugués do interior e únese alí a unha das variantes da Vía da Prata que percorre a provincia de Ourense.
Con este albergue e a inmediata apertura do de Xinzo de Limia, completase a infraestrutura de acollida aos peregrinos nesta variante sur da Vía da Prata que conta tamén cos albergues de Viladerrei -no concello de Trasmirás- e o albergue de Sandiás. En total son 106 prazas de acollida as que ofrecen os albergues de peregrinos da Rede pública existentes nesta variante da Vía da Prata.
O vicepresidente Alfonso Rueda destacou o traballo que está a desenvolver a Xunta de Galicia para mellorar o funcionamento da rede de albergues desta Ruta Xacobea e asegurar que os peregrinos teñan sempre unha praza neste itinerario, reproducindo o proceso exitoso realizado no Camiño francés e o portugués.