O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; o director corporativo da área Social da Fundación Bancaria la Caixa, Marc Simón; e o director territorial de CaixaBank en Galicia, Marc Benhamou, presentaron un proxecto para loitar contra a pobreza infantil en Ourense.
Esta colaboración concrétase no desenvolvemento conxunto de CaixaProinfancia, o programa de atención á infancia en situación de pobreza e exclusión da Obra Social la Caixa. O proxecto diríxese a familias con nenos e mozos de entre 0 e 18 anos en situación de vulnerabilidade. A presentación desta iniciativa tamén contou coa asistencia do director xeral de Inclusión, Arturo Parrado.
O conselleiro de Política Social salientou a importancia da colaboración entre administracións para que “as políticas sociais cheguen ás persoas e familias con menos recursos e máis vulnerables”.
A través deste proxecto a Consellería de Política Social, a obra social la Caixa e o Concello de Ourense identificarán e analizarán conxuntamente a distribución territorial das situacións de vulnerabilidade social e de risco de exclusión que afectan a un número considerable de menores e familias do municipio. Estas situacións requiren, máis aló da atención a necesidades puntuais, dunha formulación global de actuación que incida de forma integral na transformación e mellora da realidade da infancia e das familias. Nesta liña, definirase unha proposta de servizos conxunta que permita responder as necesidades dos e das menores e das súas familias e optimizar os recursos económicos públicos e privados que se dotan para estes efectos.
Así tamén impulsarase o traballo en rede, como mellor resposta organizativa para o desenvolvemento da acción social, aproveitando os recursos públicos e privados existentes no territorio e os proxectos de actuación de carácter innovador que poidan ser facilitados por entidades colaboradoras especializadas nos servizos e recursos contemplados en CaixaProinfancia.
Promoción socioeducativa
CaixaProinfancia busca romper a liña de transmisión da pobreza de pais a fillos e fomentar a igualdade de oportunidades. O programa diríxese á infancia en situación de pobreza económica e vulnerabilidade social, co fin de promover e apoiar o seu desenvolvemento de forma integral, favorecendo e apoiando para iso as políticas de mellora da equidade e a cohesión social.
Un dos obxectivos fundamentais de CaixaProinfancia é garantir a promoción socioeducativa do menor, entendendo que desta dependerá, en boa medida, o seu benestar futuro. Iso concrétase no desenvolvemento de cinco grandes liñas de traballo como son o reforzo educativo, a educación non formal e tempo libre, o apoio educativo familiar, a atención e terapia psicosocial e o promoción da saúde.
A Obra Social la Caixa destinará 500.000 euros anuais ao desenvolvemento de CaixaProinfancia en sete concellos galegos.