Diego Lourenzo Moura, tenente de alcalde do Concello de Verín, e o presidente da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín, Manuel Alfonso Araujo, asinaron un convenio de colaboración entre as dúas entidades para o mantemento da operatividade e prestación de servizos da agrupación no ano 2016.
O obxecto do mesmo é regular as bases de colaboración entre o Concello de Verín e a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Verín destinado ao cumprimento dos estatutos actuais da agrupación, aprobados o pasado 11 de xuño do ano 2014 pola asemblea de voluntarios da mesma e o pleno municipal na sesión do 20 de xuño da mesma data, no que se estipula que a Protección Civil Municipal ten coma fin establecer unha organización en base aos recursos municipais, para garantir a coordinación preventiva e operativa da protección das persoas e bens diante dos posibles danos derivados de situacións de emerxencia, grave risco, catástrofe ou calamidade pública, sen esquecer as emerxencias menores, mediante a posta en marcha de distintos mecanismos que permitan evitar estas situacións, reducir os seus efectos, reparar danos e, no seu caso, contribuír a corrixir as causas produtoras das mesmas. Entre as cláusulas que regula o mesmo atópanse o financiamento dos gastos derivados do mantemento da operatividade da agrupación, a cesión da utilización dun espazo para a mesma, mentres que a agrupación comprométese a dar ou facilitar a formación necesarias aos seus membros, así como atender ás demandas de servizo que faga o Concello de Verín, a Xunta de Galicia a través do 112 e outras entidades públicas ou privadas (previa autorización do Concello de Verín), entre outras.
A lei establece que na medida en que o permitan os recursos orzamentarios, o Concello poderá subvencionar económicamente ás asociacións para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños, tanto polo que se refire a gastos xerais como ás actividades que realicen. Para o cumprimento do establecido constitucionalmente parece necesario que, sen prexuízo do establecido na lexislación reguladora do servizo e da protección civil, se contemple o aumento dos recursos locais coa incorporación dos cidadáns ás actividades que desenvolva a protección civil municipal, ofrecéndolles así oportunidades para asumir e realizar, voluntariamente, o cumprimento dos deberes nas circunstancias aludidas anteriormente.