O Espazo Xove de Ourense acolle a mostra dos 14 proxectos presentados ao concurso de deseño do cartel do programa Xuventude Crea 2016 promovido pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social. A directora xeral deste departamento, Cecilia Vázquez, quen inaugurou a mostra acompañada da delegada territorial da Xunta de Galicia, Maria Sol Díaz Mouteira, avanzou que nos vindeiros días darase a coñecer o nome do mozo ou moza gañadora, que obterá un premio de 500 euros. Ademais, o cartel gañador será o escollido para publicitar o certame. A mostra permanecerá aberta ao público ata o 30 de abril.
A titular do departamento autonómico sinalou que ao longo do mes de abril se publicará a orde de convocatoria do programa Xuventude Crea 2016, dotada con máis de 100.000 euros e como novidade resaltou que nesta edición se sumará a especialidade de cociña. Así, o programa Xuventude Crea 2016, incluirá un total de doce especialidades: artes plásticas (pintura e escultura), banda deseñada, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, poesía, relato breve, teatro, videocreación e cociña.
Este certame é a maior mostra de creatividade xuvenil da comunidade autónoma, no que participaron en 2015 máis de 300 mozos e mozas menores de 30 anos. Cecilia Vázquez manifestou que “Xuventude Crea aposta polo establecemento de mecanismos de respaldo á creatividade da mocidade e por converter este certame nunha plataforma de lanzamento para amosar os seus proxectos creativos”.
Especialidade de graffiti
Coincidindo coa súa presencia na cidade de Ourense, a titular do departamento autonómico tamén se reuniu con dous dos premiados da especialidade de graffiti do programa Xuventude Crea 2015 que residen na capital ourensá, para facerlles entrega do trofeo do premio acadado. Trátase de Ramón Conde-Corbal Varela, gañador do primeiro premio dotado con 3.000 euros e Abraham Caride Fernández, terceiro premio cunha dotación de 1.000 euros.