A primeira edición de Terra Máxica terá lugar do 1 ao 17 de abril en diversos escenarios de seis concellos da provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Barbadás, Verín e Viana do Bolo. Ademais dos espectáculos de catro grandes artistas, como Fran Rei, o Mago Teto, Dani García e o Mago Paco, Terra Máxica caracterízase polo seu apartado formativo, cunha serie de obradoiros para grupos de 20 rapaces, e tamén social, xa que moitos dos encontros e funcións serán en asilos ou centros da terceira idade, procurando achegarse a un público que non adoita asistir a espectáculos, e poñendo así a maxia ao alcance de todos e todas.
Esta iniciativa, organizada por Culturactiva S. Coop. G., mantense grazas ao traballo en rede destes seis concellos, nun esforzo por achegar a cultura á cidadanía, non só nos grandes escenarios, senón noutro tipo de espazos, e por dinamizar máis aínda a vida cultural destes concellos a través das artes escénicas, máis en concreto, con maxia de primeiro nivel. Presentárona na Casa da Cultura de Barbadás este mércores as concelleiras de Cultura de Verín, Emilia Somoza; Barbadás, Ánxela González; e Viana do Bolo, Graciela Diéguez; a tenente de alcalde de Allariz, Cristina Cid; a de Baños de Molgas, Vanessa Rodríguez Cabo; a alcaldesa da Rúa, María González Albert; os artistas Mago Teto, que realizou un dos seus números, Dani García e Fran Rei; e Nacho Fungueiriño, de Culturactiva SCG.
Catro espectáculos de primeiro nivel
Así, a Casa da Cultura de Barbadás acollerá a primeira das funcións, A historia de Brancaflor, de Fran Rei, o venres 1 de abril ás 19 horas. O venres 8 á mesma hora estará o Mago Teto con Tolemaxias, e o 15, Dani García con Volta á Maxia.
En Verín, as funcións son ás 19 horas dos sábados no Salón de Actos do Colexio María Inmaculada: Dani García este sábado 2, Mago Teto o 9 e o Mago Paco, con Hocus Pocus, o 16.
Na Casa da Cultura de Allariz, a maxia estará presente os domingos ás 18 horas: Fran Rei o día 3, o Mago Teto o 10 e Dani García o 17.
No Centro Cultural Avenida da Rúa, as funcións, tamén os domingos, serán ás seis e media: o día 3 o Mago Paco presenta Hocus Pocus, o 10, Fran Rei A historia de Brancaflor, e o 17, o Mago Teto Tolemaxias.
A Casa da Cultura de Viana do Bolo acolle este sábado 2 ás 18.30 horas A historia de Brancaflor, de Fran Rei, e o 9 ás 20.30 horas, Volta á maxia, de Dani García.
Por último, no local social Aira de Arriba, de Baños de Molgas, estará A historia de Brancaflor o sábado 16 ás 19 horas.
Canteira de novos magos e achegamento a novos públicos
Terra Máxica é moito máis cá programación de maxia: coa intención de chegar a máis público, varias das funcións terán lugar en espazos coma o asilo das Hermanitas dos Ancianos Desamparados, de Verín, onde estará Dani García con Volta á maxia o sábado 2 de abril ás 11 horas; ou o centro da terceira idade Os Pinos, da Rúa, onde Fran Rei contará A historia de Brancaflor o venres 10 ás 16.30. Este mesmo artista estará con este espectáculo de maxia e narración oral o xoves 14 no Fogar do Maior de Allariz ás 17 horas; no local social asociación FONVAL de Barbadás o venres 15 á mesma hora; e con dúas funcións deste tipo o sábado 16, na residencia da terceira idade de Viana ás 11 e no Local Social Aira de Arriba, de Baños de Molgas, ás 16.30 horas.
Ademais, os Encontros Máxicos son obradoiros con grupos de 20 rapaces para completar o programa cun apartado formativo, que vaia creando canteira de novos magos e novas magas: Dani García teraos na Casa da Cultura de Viana e en dous colexios de Barbadás; e o Mago Teto, na Casa da Cultura de Verín, na de Allariz e na da Rúa.