Os grupos municipais socialista e de Ourense en Común poñen en cuestión a decisión da Xunta de Galicia de adxudicar o proxecto da nova estación de autobuses ao carón da futura estación intermodal de Ourense.
O PSOE volve reiterar “o seu rexeitamento absoluto ante un proxecto que non cumpre as esixencias marcadas e que responde máis a fins electoralistas que ao interese do goberno autonómico de traballar en prol da nosa cidade”. Os socialistas consieran que de levarse a cabo “hipotecará a nosa cidade” e “devaluará o valor simbólico e a accesibilidade da futura etación intermodal do AVE en Ourense”.
O seu voceiro, José Ángel Vázquez Barquero, califica a proposta coma “un puzzle sen sentido no que as pezas non se inclúen nun proxecto global de integración de vías de entrada á cidade, estación de tren e bus, máis aínda cando se está pendente de coñecer o proxecto definitivo da estación intermodal do AVE en Ourense. Este é un anuncio electoralista cun gasto público que nunca se chegará a levar a cabo».
Barquero critica tamén as molestias que se lle ocasionarían aos cidadáns se se constrúe así a terminal de buses, pois «en lugar de ter todas as saídas dentro dun mesmo edificio, se verían obrigados a saír o exterior”.
Pola súa banda, o grupo municipal de Ourense en Común advirte que a actuación deberá ser integral en todo o ámbito como solicitaba o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, “do contrario non existirá intermodalidade real e perderase unha oportunidade histórica de rexeneración urbana”. OUeC manifesta sentirse desconcertado polo que entenden como “falta de coordinación” entre a administración autonómica e estatal para a construción dunha estación intermodal que integre a alta velocidade e o servizo de autobuses actualmente emprazado no barrio do Pino. “A verdade é que todo o que está acontecendo neste materia é desconcertante. O concurso de adxudicación para a redacción do proxecto da estación de autobuses á empresa PROYFE S.L. foi convocado sen saber aínda como será a futura estación. Como vai ser posible logo falar dunha intermodalidade real e efectiva?”
A organización municipalista advirte que unha actuación da magnitude como a pretendida debería desenvolverse de modo coordinado primando en escala a superación da fenda histórica que supón a vía do tren entre barrios e logo o deseño dunha infraestrutura que permita un intercambio cómodo entre medios de transporte: tren e autobús, entre outros. Sobre a propia estación de autobuses dende Ourense en Común advirten que non apoiarán ningunha infraestrutura que non contemple a intermodalidade real e efectiva entre os diferentes medios de transporte: autobuses interurbanos, área metropolitana e transporte urbano, así como co resto de liñas de ferrocarril de proximidade.