O pleno da Deputación de Ourense aprobou destinar un total de 949.614 euros para as obras de urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), o que permitirá acometer esta importante infraestrutura na zona de ampliación do centro sanitario da capital ourensá. Desta maneira, o ente provincial coopera co Servizo Galego de Saúde (Sergas) e co Concello de Ourense na realización desta obra, cuxo investimento total ascende a 1,3 millóns de euros. A actuación do goberno provincial foi decisiva para desbloquear este proxecto e para que os orzamentos comprometidos para o mesmo poidan executarse, co obxectivo de poñer a disposición das veciñas e veciños da provincia de Ourense unha moderna infraestrutura hospitalaria.
O acordo enmárcase na liña de cooperación que a Deputación ven mantendo co Sergas e forma parte do convenio de colaboración asinado a catro bandas entre Xunta de Galicia (por medio do Sergas), a Axencia Galega de Infraestruturas, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense para realizar estas obras de urbanización de accesos.
Programa “Educou”
Por outra banda, o pleno da Corporación Provincial aprobou tamén destinar 300.000 euros para o Programa “Educou” para a realización de obras de mellora e acondicionamento en centros educativos de 35 concellos da provincia de Ourense. As actuacións de infraestruturas educativas realizaranse no marco do 2º Plan Educou, correspondente ao ano 2016, e a iniciativa aprobada no pleno permitirá axilizar os trámites e comezar de contado a execución das obras, cuxo obxectivo é seguir mellorando a calidade da atención á infancia e ás infraestruturas e servizos que se prestan nos centros educativos da provincia.
Balance
Asemade, o Pleno da Corporación Provincial deu conta do balance económico da Deputación referido a 2015, o cal reflicte os mellores resultados económicos do ente provincial en toda a súa historia: 26,7 millóns de euros de remanente de Tesourería e a menor porcentaxe de endebedamento, situada no 34,9 %. Neste sentido, destaca tamén o novo descenso que se produce no período de pago medio a provedores, 12,3 días, e reafírmase a estimación de que en maio de 2019 a institución chegará ao remate do actual mandato con endebedamento cero.