A Casa dos Poetas inaugurou este luns a exposición “Manuel Rodríguez López: emigrante galego, poeta obreiro’. No acto participaron o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o alcalde de Paradela, José Manuel Mato; o director de Galicia Digital, Antonio Giz, familiares e amigos do homenaxeado, ademais do alcalde de Celanova e membros da Fundación Curros Enríquez.
Ata o 20 de abril poderase visitar esta mostra en horario de martes a sábado de 11.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas na casa familiar do poeta Manuel Curros Enríquez, situada na rúa Curros Enríquez, nº 37 de Celanova.
A exposición formada por oito paneis fai un repaso pola vida de Manuel Rodríguez López, nacido en Paradela. Moi novo marchou con seus pais á emigración, en concreto a Cataluña, onde desenvolveu unha importante carreira literaria que culminou na súa etapa lucense ata o seu falecemento en 1990.
GaliciaDigital está promovendo unha campaña de difusión da vida e obra de Manuel Rodríguez López, que inclúe esta mostra e que conta cos seguintes apoios: a familia de Manuel Rodríguez López, o Concello de Paradela, a Deputación Provincial de Lugo – Vicepresidencia, a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia da man da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Secretaría Xeral de Cultura.