Este sábado 9 de abril ás 18:30 horas na Casa da Cultura de Allariz.

A Delegación de AGA en Ourense ofrece unha charla sobre a vespa velutina

Este sábado 9 de abril a Asociación Galega de Apicultura ofrecerá unha charla sobre a Vespa velutina ás 18.30 horas na Casa da Cultura de Allariz, na que Xesús Asorey, portavoz da asociación, falará sobre a vida e comportamento do avespón asiático, cales son os efectos desta praga e a elaboración e colocación de trampas de cara á campaña de prevención da primavera. Tamén explicará en que consiste o programa de loita contra a avespa asiática de AGA titulado Stop Velutina, no que poden participar os socios e socias de AGA.

A continuación terá lugar a asemblea da delegación, na que se explicará a proposta de celebrar o Día Mundial da Abella o 20 de maio en Allariz. Esta data foi declarada por Apimondia, Federación Internacional de Asociacións de Apicultura, e celebrarase ó mesmo tempo en diferentes lugares do mundo, co obxectivo de divulgar sobre a importancia das abellas e os beneficios que nos aportan.

O Día da Abella terá lugar no entorno do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que este ano se titula “Os xardíns do futuro”. Será unha xornada de divulgación apícola dirixida ó público visitante e ás escolas da comarca, na que se poderá observar a presencia de abellas e abellóns polos xardíns e participar en obradoiros de elaboración de casas de polinizadores, candeas de cera, trampas caseiras para capturar velutinas e degustación de meles.

Na asemblea tamén se presentarán os cursos de apicultura que organiza AGA na provincia de Ourense durante a primavera. Serán 3 cursos de iniciación, en Cualedro os días 30 de abril e 1 de maio, en Amoeiro o 7 e 8 de maio e Muiños o 21 e 22 de maio. Tamén se impartirá un curso de especialización sobre reprodución apícola en Cualedro os días 11 e 12 de xuño e outro sobre cosmética apícola, en Maceda o día 28 de maio.

Máis información e inscricións en www.apiculturagalega.es ou nos telefónos 981 508 142 / 981 589 534.