A Deputación de Ourense asume a organización permanente do premio “Eduardo Blanco Amor” de novela longa. O acordo acadouse este luns trala reunión mantida no Pazo Provincial entre o presidente da institución provincial, Manuel Baltar, e representantes dos concellos galegos que tiveron protagonismo nas pasadas edicións deste prestixioso certame literario. A iniciativa xorde logo da proposta de Manuel Baltar de organizar por parte da Deputación de Ourense a XXXIV edición do premio e de ofrecerse o ente provincial a continuar co desenvolvemento das sucesivas convocatorias dun dos certames literarios de máis prestixio nas letras galegas.
Precisamente, o xurado desta pasada edición fixo constar o impulso da Deputación de Ourense a prol deste premio, pulo que tamén destacou o escritor Luís González Tosar, presidente do xurado, e que tamén remarcou o gañador deste ano, o escritor Xavier Queipo, autor da novela Os Kowa. En 2014, cando se cumprían 35 anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, polo que, entre outras accións, decidiuse asumir a organización do premio literario e a creación dunha fundación co nome do escritor para a difusión e valorización da súa obra.