O economista, enxeñeiro, ensaísta e político galego Camilo Nogueira Román (Lavadores, Vigo, 1936) recibirá o próximo 26 de xuño o Premio Trasalba que todos os anos concede a Fundación Otero Pedrayo a unha personalidade destacada no galeguismo. O escritor Suso de Toro, que en 1991 publicou o libro de conversas Camilo Nogueira e outras voces, será o encargado de pronunciar a correspondente laudatio, e a Fundación, como vén sendo habitual, publicará un libro-homenaxe ao premiado.
A Fundación valora a personalidade de toda unha vida entregada á causa de Galicia, da súa identidade nacional e cultural, salientando de xeito especial a vocación e compromiso europeísta de Camilo Nogueira, na mellor tradición dos homes da xeración Nós e, máis en concreto, de Ramón Otero Pedrayo.
A xeración Nós comprometeuse moi decididamente na dimensión europea e europeísta de Galicia como nación. Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, entre outros, pronunciáronse moi conscientemente por este vencello histórico, que enmarca Galicia na construción do grande universo europeo mesmo dende as primeiras concepcións da Europa moderna. Como ensaísta, ademais de como político, Camilo Nogueira desenvolveu e desenvolve unha intensa actividade nesta dirección, con libros como Europa, o continente pensado (2008) e Galicia na Unión (2008).
Camilo Nogueira Román naceu en 1936 no concello de Lavadores, cando este aínda non fora absorbido polo concello de Vigo. Fillo do escultor Camilo Nogueira Martínez, estudou primeiro Enxeñería Industrial e, posteriormente, Ciencias Económicas. Dende moi novo participou no movemento nacionalista da posteguerra, promovendo formacións como Galicia Socialista, A Asemblea Nacional Popular Galega, o Partido Obreiro Galego, Esquerda Galega e Unidade Galega, ata incorporarse ao Bloque Nacionalista Galego. Participou nos movementos obreiros do 72 en Vigo e salientou como dirixente socialista no ámbito do galeguismo, avivando os procesos de integración no marco constitucional democrático para a actuación política. Foi parlamentario en Galicia e no Parlamento Europeo. Como economista traballou en SODIGA e publicou numerosos ensaios de análise e proxección estratéxica da economía galega. Entre outros títulos, máis de carácter histórico, salientan: A memoria da nación. O reino da Gallaecia (2001), A Terra cantada (2006), A rota do sol, Santiago (2011) e Para unha crítica do españolismo (2012).