O Circuíto de carreiras populares Correndo por Ourense anima a veciños e veciñas de todas as idades a desfrutar do deporte nos barrios da cidade.

Chega a sexta edición do Correndo por Ourense

O Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense organiza unha nova edición do circuíto de carreiras populares “Correndo por Ourense”.

O concelleiro de Deportes, Mario Guede, e a coordinadora, Marta Míguez, xunto con varios colaboradores presentaron a sexta edición deste certame.

O certame chega en 2016 coa súa sexta edición agardando que aumente o número de participantes. En 2015 foron 1.466 (480 mulleres e 986 homes). Parte da recadación obtida polas cotas de inscrición de 2015 (785 euros) foi donada a Autismo Ourense.

Carreiras
O circuíto está formado por seis probas, todas en horario de mañá a partir das 12,00h, agás a do Couto, que será nocturna (22,00h):
– Domingo, 24 de abril, carreira do Vinteún
– Sábado, 21 de maio, carreira do Couto, que será nocturna
– Domingo, 26 de xuño, carreira do Centro
– Domingo, 4 de setembro, carreira da zona universitaria
– Domingo, 25 de setembro, carreira da Ponte
– Domingo, 23 de outubro, carreira da Carballeira.

Inscrición
As inscricións pódense realizar xa na páxina web do Consello Municipal de Deportes www.deportesourense.com. O prazo remata o mércores anterior a cada carreira, e vólvese abrir o luns seguinte a cada proba. Haberá novamente as categorías pitufos (ano 2010 e posteriores), benxamín, alevín, infantil, cadete, xuvenil, júnior, promesa, sénior (1993 e anteriores), e veteranos, en 4 categorías; ata 44 anos, ata 54, ata 64 e maiores de 65.

O prezo é de sete euros para as categorías júnior e seguintes. Para as categorías escolares, de balde.

Organizador e colaboradores
O circuíto está organizado polo Consello Municipal de Deportes do Concello de Ourense coa colaboración do Colexio Divino Maestro, o Club Esprintes Ourense, a Delegación Ourensana de Atletismo, o Club Ourense Atletismo, o Club Deportivo Aurum e a Asociación de Veciños Carlasca.