O voceiro do grupo popular no Concello de Ribadavia, César Fernández Gil, ven de denunciar o atentado contra o Castelo dos Sarmiento cometido polo alcalde socialista, “que malia as reiteradas queixas formuladas tanto en comisións como en pleno e un informe técnico negativo” mantén unha cinta de alumeado, un armario eléctrico e un poste na fachada do monumento.
A actitude do rexedor, expresou o voceiro do PP, “amosa a súa máis absoluta falta de respecto cara ao símbolo da vila e aos veciños”. O alcalde, engadiu César Fernández, “demostra así a súa ignorancia sobre a importancia do castelo, non só dende o punto de vista patrimonial senón tamén desde a perspectiva turística e cultural”.
O voceiro do grupo municipal do PP lembra que o alcalde mentiu cando dixo que a cinta de alumeado permanecía nos muros do castelo porque se acendería no Entroido “cousa que puidemos comprobar que foi absolutamente falsa xa que non estivo acendida ningún deses días”.
Diante desta actitude, Fernández Gil solicitou un informe técnico do departamento municipal de urbanismo, que nas súas conclusións subliña a especial protección que debe ter o castelo, cualificando como “elementos discordantes estéticamente” o sistemas de alumeado e electricidade ubicados na fachada, considerando “a conveniencia de estudar e executar unha alternativa máis respectuosa co castelo”.
César Fernández instou o alcalde a tomar medidas inmediatas que garantan o respecto ao monumento, empezando pola retirada do alumeado e tamén do armario eléctrico, instalado de xeito provisional no seu día para as obras de restauración “das que non hai previstas novas fases”.