A sede do Partido Popular de Ourense acolleu este luns a primeira reunión do novo comité executivo, nomeado no 17º congreso provincial celebrado o pasado 5 de marzo. O obxectivo desta convocatoria era proceder ao reparto de compromisarios que, en representación das 92 xuntas locais do partido, participarán no congreso autonómico que se celebrará os días 7 e 8 de maio en Ourense.
Con esta convocatoria, o PP ourensán convértese na primeira formación popular galega en iniciar os preparativos cara a esta cita, como subliñou o presidente provincial, Manuel Baltar, quen lembrou “o importante peso que ten esta provincia dentro do PP en Galicia”.
“Un dos compromisos que asumín para a nova etapa do PP ourensán –dixo Baltar- foi anticiparnos, fixando metas e marcando a axenda política, cun partido organizado e activo, por eso seguiremos a ser a primeira formación popular en Galicia en cumprir cos trámites de preparación do congreso galego”.
En total serán 462 os compromisarios ourensáns que participarán no congreso. A xunta local de Ourense aportará o maior número, 58, seguida de Xinzo de Limia con 23, Verín con 22, O Carballiño con 14, Os Blancos con 10 e Celanova e O Barco de Valdeorras con 9, e así ata completar unha lista na que o maior número de xuntas locais, 40, haberán de escoller tres representantes.