O vindeiro día 29 de abril, Allariz celebra a tradicional Festa dos Maios, na que os alumnos e alumnas do colexio de Primaria e do instituto de Allariz presentan as súas creacións naturais e cantan as coplas que eles mesmos elaboran.
Tanto os maios coma o canto de coplas están suxeito a concurso polo que se outorgan premios fixados pola Concellería de Cultura, que van dende 30 a 50 euros. Para participar é preciso inscribirse na Casa da Cultura antes do día 26 de abril.
Os grupos que se inscriban deberán ter un mínimo de oito persoas. Haberá premios para os tres mellores maios enxebres e os tres mellores artísticos. Todas creacións presentadas cun mínimo de calidade levarán un diploma de participación e unha subvención de 40 euros. Tamén se galardoarán as tres mellores coplas, en categoría de nenos (ata os 11 anos) e de maiores (de 12 anos en adiante).
O veredicto do xurado emitirase o día 29, no transcurso da Festa dos Maios que se desenvolve no Campo da Barreira a partir das 12 horas. O acto contará co acompañamento musical do Grupo de Gaitas do Centro Sociocomunitario de Xinzo de Limia e coa actuación da Escola de Danza de Allariz.