A Xunta de Goberno local aprobou tamén as bases e a convocatoria dos premios da vixésimo primeira edición do Festival de Cine Internacional de Ourense, que se celebrará do 28 de outubro ao 5 de novembro con importantes novidades nas categorías de competición.
O certame terá este ano catro premios con dotación económica: Calpurnia á mellor película iberoamericana, cun premio de 8.000 euros; Calpurnia á mellor película da competición ópera prima, cun premio de 8.000 euros; Premio Carlos Velo á mellor dirección da competición iberoamericana; Premio do Público á mellor película das dúas competicións, 3.000 euros; e dous premios á mellor interpretación masculina e feminina, sen dotación económica. En resumo, créanse dúas categorías novas (película iberoamericana e ópera prima), elévase a dotación en premios de 7.000 a 8.000 euros; mantense a contía dos premios de mellor director e premio do público; e suprímense tres premios: especial do xurado, guión e interpretación.
Admitiranse obras producidas en 2015 ou 2016 cunha duración mínima de 60 minutos, que non fosen exhibidas nin editadas comercialmente en España antes do festival. En caso de coincidir en datas co noutros eventos, a estrea española da película seleccionada deberá ser en Ourense. Na competencia iberoamericana admitiranse producións ou coproducións nas que participe algún pais iberoamericano, co obxectivo de recoller e destacar o amplo e novidoso espectro de propostas que no campo cinematográfico agora mesmo se realizan nestes países. Na competición de óperas primas, admitiranse primeiras longametraxes sen límite de área xeográfica, co obxectivo de reivindicar aos novos valores do cine actual poñendo especial énfase en cineastas novos que traballan desde a independencia.
A inscrición no OUFF é gratuíta, e poderase facer ata o día 18 de agosto.