A Fundación “Insua dos Poetas” organizou este xoves a celebración do “Día da Auga, da Árbore e da Poesía” na Insua dos Poetas, na Esgueva, Madarnás (O Carballiño), actividade que pretende promocionar a natureza e a lingua galega. No acto participaron o presidente da Fundación Ínsua dos Poetas e do PEN Galicia, Luis González Tosar; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Á celebración asistiron alumnos e alumnas de todos os centros educativos da comarca do Carballiño, así como outros tres centros do Concello da Ribeira (IES Santa Uxía de Ribeira nº 1, o IES Leliadoura, e o Colexio Galaxia), que foron os colexios convidados este ano. Asemade estiveron acompañados polos profesores, familiares, e representantes políticos e culturais da provincia de Ourense.
Os rapaces de cada colexio participante realizaron unha actuación entorno a unha árbore, sendo os encargados de poñer música, poesía e cor a esta celebración dedicada á natureza e á lingua galega. Posteriormente, como remate da actividade, os alumnos plantaron árbores de distintas especies (castiñeiro, bidueiro, carballo, freixo…) na Insua dos Poetas.
A Fundación «Insua dos Poetas», declarada de Interese Galego, ten como fins a promoción e o fomento da lingua e da cultura galegas, a defensa do medio natural e o diálogo entre natureza, artes plásticas e literatura.