O Concello de Ourense avanza nos trámites para a reapertura da cafetería do Parque Barbaña logo de aprobar en Xunta de Ggoberno a ordenación decrecente das ofertas presentadas, cinco que cumprisen todos os requisitos. A máis vantaxosa foi a realizada por importe de 24.495euros/ano, é dicir, 9.210 euros máis do canon mínimo, polo que se instou a presentar a documentación precisa para, no seu caso, proceder á adxudicación. “Rematará así un expediente de contratación de especial importancia por diferentes motivos”, asegurou o alcalde, Jesús Vázquez, en rolda de prensa: “Rreabrimos un recurso municipal pechado por mor do cese da anterior concesión -a cafetería e a súa terraza de 86 metros cadrados- e recuperamos un elemento dinamizador do Parque Barbaña e un atractivo para as persoas que o visitan cada día”, dixo.
O adxudicatario farase cargo do mantemento, conservación e limpeza dos aseos públicos que dan servizo ás persoas usuarias do parque, que deberán estar abertos, como a cafetería, de 8 a 22 horas como mínimo. A apertura suporá, ademais, ingresos económicos para o Concello de Ourense, bloqueados pola falta de adxudicación do contrato. O contrato ten unha duración máxima de 10 anos.
Cafetería no Centro de Interpretación das Burgas
Outro espazo destinado a cafetería que foi desbloqueado na sesión de xunta de goberno foi o do Centro de Interpretación das Burgas (CIATCO), coa aprobación do proxecto de acondicionamento interior para poder licitar a súa explotación no futuro. O obxectivo desta actuación é dotar ao centro termal dunha cafetería que ocupará a planta semisoto e a planta baixa deste edificio. As obras consisten basicamente na dotación dunha pequena cociña na zona de barra, que se pechará mediante unha porta corredoira. Substituiranse carpinterías exteriores, prolongarase a barra, ampliarase o cadro eléctrico, instalarase extracción, e realizaranse os acabados interiores.
A cafetería terá dous accesos, desde a rúa do Vilar, 6, e desde a zona verde das traseiras das rúas Cervantes e Vilar. Son 64,70 metros cadrados de superficie, dos que 45,70 estarán en planta semisoto e 19 en planta baixa.