O mercado laboral de Allariz-Maceda é, xunto co da comarca de Ourense, o que ofrece máis fortaleza agora mesmo no conxunto da provincia, tal e como conclúe o Observatorio Económico da Deputación, que foi presentado este xoves no Concello de Maceda polo xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez.
Na súa intervención ante alcaldes, concelleiros, técnicos e empresarios subliñou que “cun auxe do 10,5% nas afiliacións, Allariz-Maceda recuperaría a dimensión laboral que presentaba antes do inicio da crise, proporción equiparable á da capital da provincia e o seu contorno, que só precisan impulsar un 9,5% de postos de traballo para neutralizar por completo o período crítico. Ambas comarcas melloran claramente a media galega e provincial, situadas nos dous casos no 13%”, lembrou.
No último ano, Allariz-Maceda sumou emprego neto a un ritmo do 1,4%, o segundo máis intenso da provincia, só superado polo 2,4% que anotou Terra de Caldelas. Todos os municipios da zona, agás Xunqueira de Espadañedo (-1,5%), aumentaron os seus respectivos mercados de traballo en 2015. Tres deles fi érono dun xeito uniforme, excedendo o 2% de rexeneración laboral: Paderne de Allariz (2,6%), Maceda (2,1%) e Xunqueira de Ambía (2,1%).
O incremento das afiliacións no concello de Allariz situouse no 1,2%, o que sitúa á vila alaricana entre as cinco cabeceiras comarcais máis puxantes no último ano, compartindo grupo con Castro Caldelas (2,7%), Ribadavia (2,1%), O Carballiño (2%) e O Barco de Valdeorras (1,2%). A suba comarcal máis feble nas afi liacións foi a de Baños de Molgas (0,5%), mentres que o único descenso en taxa interanual rexistrouse en Xunqueira de Espadañedo (-1,5%).
O primeiro municipio en neutralizar por completo os efectos laborais da crise é o de Allariz, que xa contabiliza un 3% máis de empregos que os que tiña en decembro de 2007. É un dos tres concellos ourensáns que presenta máis afiliados que antes da crise. Os outros dous son San Cibrao das Viñas (19,5% de incremento) e Barbadás (10,3%).
Pola súa banda, Maceda acumula nese período de oito anos un moderado descenso do 12,9%, o que lle permite estar entre os quince concellos con mellor evolución desta variable. Maceda leva tres trimestres consecutivos conservando o nivel dos 900 traballadores en alta laboral, situación que non se producía desde o ano 2012, tal e como constata o Observatorio da Deputación.
Rodríguez detallou que “Allariz-Maceda, que conservou ao longo de todo 2015 a barreira dos 4.500 afiliados, presenta una nivel de emprego comparable con finais de 2012, polo que neutralizou tres anos completos da crise. Nos tres primeiros trimestres do ano pasado logrou creación neta de emprego, evolución que só foi esquiva no cuarto trimestre, no que baixou nun 1,1% a cifra de cotizantes”.
Máximo histórico nos servizos
Por outra parte, José Manuel Rodríguez salientou o fito que se está a dar no sector servizos, instalado na actualidade en máximos históricos de emprego local: “este sector está a impulsar 2.900 empregos no conxunto da comarca, o dato máis alto de toda a serie histórica xunto co que se rexistrara de xeito illado en xullo de 2011”. O ano pasado, as afiliacións comarcais subiron un 1,3% nos servizos e en idéntica proporción na construción, mentres que a industria impulsou un 1,6% de emprego neto e a agricultura un 2%. Na estrutura produtiva de Allariz-Maceda, os servizos teñen un peso relativo do 65%sobre o conxunto da economía local, a industria do 16,5%, a construción do 10,5% e a agricultura do 8%.
Xa na análise do paro, o Observatorio salienta que esta comarca asinou no último ano o maior descenso provincial no número de parados. Cunha redución do 15%, dobrou a velocidade media da provincia (-7%). As baixadas foron xeneralizadas nos seis concellos que comparten unidade territorial, e en cinco deles o ritmo mesmo superou o 15%. Deste xeito, Allariz-Maceda achegou a terceira parte dos municipios ourensáns que recortaron paro por encima do citado 15% interanual. Só Maceda se descolgou desa evolución tan favorable, ao neutralizar o 2%.
Pero a pesar do bo comportamento do último ano, o xerente do Inorde lembrou que “o desemprego continúa a ser o talón de Aquiles do mercado laboral da comarca, xa que a taxa acumulada desde que principiou a crise aínda está instalada no 40%, valor que só se repite en Valdeorras e que precisa diminuír para acompañar o bo dato das afi liacións. Con todo, cabe lembrar que a subamedia en Galicia ronda o 47% e tamén cabe precisar que si Allariz-Maceda conserva a velocidade actual de descenso, en menos de tres anos borraría todo o paro acumulado na crise”, explicou.
Na comparativa desde xaneiro de 2008, salienta positivamente que un concello, Xunqueira de Ambía, rexistra un 13% menos de paro que antes da crise, mentres que Xunqueira de Espadañedo presenta unha cativa subida do 3,7%. No terreo oposto, catro municipios exceden un incremento do 50% na cifra de parados: Paderne de Allariz (68,6%), Baños de Molgas (60%), Maceda (50,3%) e Allariz (50%).