O pasado 4 de xuño de 2015 a Xunta de Galicia publicou a formalización do contratación da xestión de servizos da residencia para persoas dependentes do Carballiño ata o día 31 de decembro de 2015, polo que ten que estar a piques de rematar esta concesión.
Dende a CIG denunciaran no seu momento a privatización deste servizo, “esencial para a comarca do Carballiño”, reclamaban, e que por riba fora aberta a residencia coa cobertura de 22% das súas prazas unicamente, e dicir, unha residencia cunha capacidade de 88 prazas para persoas dependentes abriuse cunha atención para 20 persoas.
“Estamos xa no segundo trimestre do ano 2016 e aínda non temos noticias de que a Xunta teña intención de completar a súa capacidade e asumir a súa xestión para facer unha residencia pública”, demandan.
Por iso, nos próximos días convocarán a Plataforma Pro unha residencia do maior pública, para instar ao Concello a que esixa ao goberno autonómico a apertura deste centro de xeito público e coa total ocupación da súa capacidade.
“Entendemos que é o momento de recuperar os servizos públicos para a cidadanía, os servizos sociais son un piar fundamental do estado de benestar e, polo tanto, a Xunta de Galicia e todas as administracións públicas deben garantir uns servizos sociais públicos e universais”, conclúen dende o sindicato.