O Palencia chega a este partido coa intención de gañar e lograr o campionato de LEB Ouro. Mentres que os ourensáns non queren ser meras comparse na festa do conxunto palentino.
Palencia volcarase con partido que moitos denominan «o máis importante da historia do club». Os casteláns teñen a oportunidade diante do seu público de logralo e non quererán desaproveitala.
Tamén poderían perder e proclamarse campións igualmente se Melilla perde contra Lleida. Se caen derrotados e Melilla gaña xogaranse os dous equipos o título na última xornada en Melilla, o que faría decantar a balanza a favor dos norteafricanos.
Para que non ocorra nada diso, e sexan campións esta xornada os palentinos buscarán desde o primeiro cuarto romper o partido diante dos ourensáns para que non se rache a festa.
Outra cousa será o COB, que non o porá nada sinxelo. Cunha racha de cinco vitorias consecutivas quererán mantela para poder asegurarse a presenza no playoff.
Os homes de García de Vitoria tentarán chegar igualados aos últimos minutos de encontro para que xordan as dúbidas no equipo local. En caso de perder teñen a oportunidade de entrar en playoff na última xornada diante de Prat.