As obras de remodelación de beirarrúas e canalizacións no primeiro tramo da rúa Marcelo Macías, no tramo comprendido entre a conexión coa rúa Progreso e o inicio da ponte sobre o río Barbaña, obrigarán a remodelar o tráfico durante a duración das mesmas -dous meses, segundo as estimacións da Consellería de Infraestruturas, encargada de promovelas-, tanto de entrada como de saída da cidade. As actuacións comezarán este luns 11 de abril ás 8 horas.
O carril de saída cortarase para a realización das obras e para deixar espazo de paso aos peóns que transiten entre os números 2 e 26 de Marcelo Macías, polo que a Policía Local habilitará o dobre sentido da circulación nos dous carrís existentes, tanto no que dirixe o tráfico cara ao centro da cidade (que agora será de sentido contrario), coma no que vai cara á avenida de Zamora (que a partir do luns converterase no único de entrada). Do mesmo xeito, adaptaranse os ciclos semafóricos á nova ordenación de tráfico.
Ademais da sinalización de tráfico e elementos físicos para ordenar o tráfico, o Concello colocará carteis anunciando a situación en ambos sentidos da circulación.
Un carril cortado na avenida da Habana
Con motivo das obras do proxecto de urbanización da rúa Concejo, o sábado 9 de abril de 2016 procederase a pechar ao tráfico o carril central da Avenida da Habana no seu último tramo -desde a esquina con Xoán XXIII até o final da mesma- entre as 8 h e as 20 horas.
Este corte é preciso para garantir a seguridade viaria durante a execución da conexión da rede de saneamento proxectada en r.Concejo coa rede municipal existente. A conexión realizarase nun pozo emprazado na prolongación da Avenida da Habana cara á fonte de Concepción Arenal, a unha profundidade aproximada de dous metros.