Máis de douscentos mozos e mozas participan desde esta fin de semana nas 13 actividades que forman o programa de tempo de lecer saudable “Ociourense Xove 2016”, que organiza o Concello de Ourense. O programa persigue proporcionar propostas lúdicas para a mocidade durante as fins de semana, fomentar estilos de vida positivos e saudables e promover alternativas de lecer lúdicas, participativas e de relación aproveitando os espazos públicos que ofrece a cidade
Entre as actividades previstas para este sábado 9 de abril atopamos BTT, escalada, parkour, pirgüismo, foto en ruta, cociña e buceo.
Ademais, o Espazo Lusquiños acollerá tres das actividades do programa: “A bailar”, “DJ Ourense” e “Sábados de cine”. Nesta ocasión proxectarase a película “Love & mercy” ás 17 horas.
Ociourense Xove
O programa Ociourense Xove 2016 comezou en marzo ampliando nesta edición un 30% a oferta de actividades, marcándose como obxectivo chegar a 1.500 participantes. Son en total 22 iniciativas desde marzo ata a última fin de semana de maio, cando se realizarán as tres derradeiras actividades: Rol en vivo, Andaina sen tabaco e a Festa da Xuventude.
O programa ten un orzamento de 69.000 euros, dos que o Ministerio de Sanidade achega 42.000 mediante a convocatoria de axudas aos concellos para o desenvolvemento de programas de prevención de drogodependencias con cargo ao Fondo de Bens comisados por tráfico de drogas e outros delitos relacionados. A Concellería de Saúde achega 18.000 e Xuventude 9.000 euros.