Por esta actividade, coordinada pola Concellería de Educación, pasarán 2.749 alumnos de Secundaria de toda Galicia e da provincia de Zamora.

 

A cidade de Ourense será, por segundo ano consecutivo, sede do Festival Xuvenil de Teatro Grecolatino, evento que celebra xunto con Lugo. Na súa 16ª edición, centos de estudantes de Secundaria de toda Galicia asisten a este evento e, de paso, coñecerán nosa cidade. Na presentación da primeira sesión estiveron a concelleira de Educación,  Belén Iglesias, e a profesora titular de Filoloxía Grega da USC, Teresa Amado, coordinadora do festival desde 2001, e Isabel Doval Ferro, coordinadora de programas educativos do Concello de Ourense.

A finalidade desta actividade é a de achegarlle, a través do teatro, o pensamento, a lingua e a cultura de Grecia e Roma aos máis novos. Para sacarlle o maior rendemento pedagóxico a esta experiencia, o festival edita cada ano os títulos das obras representadas nos festivais, traducidas por profesores de Clásicas e acompañadas por unha unidade didáctica, para ser enviadas con antelación a cada un dos alumnos inscritos no festival. En Galicia o festival está organizado pola Sección Galega da Sociedade Española de Estudios Clásicos que ten a súa sede na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela.

Conscientes da distancia que separa Lugo dalgunhas zonas de Galicia e do esforzo económico e de tempo que os desprazamentos supoñen para os asistentes, a Concellería de Educación trouxo o festival a Ourense.  Son dous días de teatro con catro representacións, ás que asistirán 2.749 alumnos e profesores de 49 centros de ensino das catro provincias galegas e de Zamora. Desta forma, o festival non só se consolida en Ourense, senón que xa é a sede galega con máis alumnos e alumnas.

Na primeira xornada representáronse  o Edipo Rei, de Sófocles, e a Cásina, de Plauto. Para este mércores, as representacións serán Euménides, de Esquilo, ás 12:00 horas, e Xemeos, de Plauto, ás 17:00 horas.