No Día Mundial do Párkinson, o Servizo de Neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense anima á poboación a deixar de lado os tópicos sobre a a enfermidade, e a coñecer mellor unha doenza que ten unha variada gama de signos de alerta xa que, nun 40% dos casos, antes das manifestacións motoras -como o ben coñecido movemento involuntario das mans- as primeiras sinais para chegar a un diagnóstico poden ser a depresión, hiposnia (percibir mal os olores) ou estreñimento.
Precisamente, un mellor coñecemento destes signos iniciais podería axudar a súa detección temperá, e tamén a unha maior eficacia do seu tratamento, xa que unha das maiores dificultades do diagnostico precoz ven derivado da multitude de sintomatoloxía non motora con que a enfermidade pode avisar, e que se poden achacar a múltiples causas. De feito, o seu diagnóstico é moito mais rápido cando os síntomas son de tipo motor (que afectan ao movemento).
O principal grupo de risco de afectados atópase entre os 60 e os 70 anos. Non si, no 15% dos pacientes, a enfermidade manifestase antes dos 45 anos, e 1 de cada 5 pacientes diagnosticados teñen menos de 50, sendo posible incluso en nenos ou adolescentes, no que se coñece como Párkinson xuvenil.
Tratamento en Ourense
Estas dificultades no diagnóstico temperá fai que os neurólogos afronten moitas veces o manexo do Párkinson avanzado, para o que desde CHUO contan con gran experiencia na aplicación, xa desde marzo de 2006, dunha nova opción terapéutica para pacientes neste estadio clínico, que consiste en administrar un medicamento de forma continua, mediante unha bomba portátil, directamente no duodeno, o que permite obter niveis continuos desta medicación en sangue e evitar o seu paso gástrico e a descontinuidade do seu efecto.
Este tratamento está sendo empregado por parte de 13 pacientes seguidos desde o CHUO, e constitúe unha alternativa terapéutica eficaz para os enfermos de Párkinson en estadios avanzados, que presentan unha vida comprometida e limitada, xa que lles permite acadar unha vida mais estable e activa, sen episodios repentinos de inmobilidade. Pese as súas vantaxes, este tratamento non está indicado de xeito xeneralizado.
Enfermidade crónica e invalidante
O Párkinson é unha enfermidade neurodexenerativa, crónica e invalidante, ainda moi descoñecida para as persoas que non teñen ou tiveron un contacto directo coa enfermidade, que segue a ser dificil de diagnosticar. Existen tantos párkinson como persoas, xa que enfermidade maniféstase de forma diferente en cada paciente, tanto na sintomatoloxía como na evolución da enfermidade ou resposta aos tratamentos e ás terapias rehabilitadoras, o que fai necesaria unha atención personalizada.
Na actualidade, descoñécense as causas que provocan a enfermidade e esta aínda non ten cura. Non si, existe unha gran variedade de terapias e tratamentos dirixidos a atenuar os síntomas e mellorar a calidade de vida das persoas con Párkinson.