A Deputación de Ourense a través da súa Área de Benestar co-financiará Puntos de Atención á Primeira Infancia (PAI) de carácter diúrno e titularidade municipal, situados en concellos de menos de 5.000 habitantes e encadrados nos servizos sociais especializados dos concellos, que teñan por finalidade prestar apoio aos pais, titores e gardadores dos nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos.
A contía concedida a cada concello vai dos 10.000 aos 13.000 euros en función de diferentes parámetros obxectivos. En conxunto, o ente provincial destinará 140.000 euros para co-financiar 12 centros PAI.
Asemade, a Deputación de Ourense apoia aos concellos que desenvolven funcións de atención e coidado, fóra da xornada escolar ordinaria, a nenos e nenas entre 3 e 12 anos, actuando como soporte e apoio ás familias e contribuíndo á conciliación da vida laboral e familiar. Para esta liña a institución dedicará 60.000 euros e co-financiará os 15 proxectos presentados, obtendo un maior financiamento provincial os presentados polos concellos de Barbadás, Carballiño e Verín, debido a que son as iniciativas que alcanzarán a un maior número de beneficiarios.
A tramitación destas liñas de cooperación entre a administración provincial e os concellos realízase exclusivamente a través de administración electrónica. Isto permite unha maior eficiencia e eficacia na xestión da mesma, que se traduce, entre outros efectos, na redución de prazos e na simplificación da carga administrativa para os pequenos concellos. Antes do 30 de maio a institución provincial adiantará o 80% do importe das axudas concedidas a cada concello.
Estas liñas de apoio á demografía veranse complementadas coa próxima publicación dun programa de axudas á natalidade, no marco da estratexia que neste ámbito impulsa a Deputación de Ourense, que regulará as achegas para as familias que durante o ano 2016 teñan ou adopten un fillo ou filla.