O paseo do Tinteiro, a rúa Porteira, Palmés e Os Viros serán obxecto de obras de mellora no saneamento, que acometerá a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio a través de Augas de Galicia, por un importe de 600.000 euros. A mesma Consellería realizará asemade o proxecto de acondicionamento e mellora da praza de Covadonga, cun investimento de 175.000 euros enmarcado dentro das actuacións do Plan Hurbe.
O obxectivo da actuación en Covadonga é potenciar o uso das zonas públicas desta área dun xeito inclusivo, combinando unha zona infantil con outra para maiores con elementos biosaudable. A mellora complementarase con 50.000 euros para arranxar o cableado que existe na zona.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, agradeceu a implicación e o compromiso da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, na visita que ambos realizaron ao barrio de Covadonga. “Non só procederemos ao embelecemento da zona, senón a dotalo de maior operatividade para facilitar o seu uso por parte dos veciños. Grazas á colaboración con outras administracións logramos dar resposta a demandas veciñais que levaban demasiados lustros sen solucións. As administracións públicas estamos para dar solucións ao que nos requiren os veciños, sabendo que as necesidades son moitos”.
Investimentos en saneamento
Tal e como se comprometera a conselleira nunha reunión co alcalde hai dous meses, Augas de Galicia destinará 600.000 euros para a execución de novas actuacións de mellora da rede de saneamento en catro puntos do Concello: o paseo do Tinteiro, na rúa Porteira, en Palmés (no tramo Burgo-A Burata) e en Os Viros; actuacións que incluirán a eliminación dun vertido na rúa da Porteira e dunha fosa séptica en Os Viros.
Por último, a conselleira de Medio Ambiente tamén recordou que a Xunta colaborou no financiamento da nova depuradora de Ourense, unha infraestrutura que iniciará o período de probas ao longo deste mes e que incrementará a capacidade de tratamento da actual depuradora de Reza, pasando dos 120.000 habitantes a 300.000.