La Molinera converterase este trimestre no gran punto de encontro dos escolares de Ourense co mundo das novas tecnoloxías e o coñecemento. No marco da ICC Week, que organiza a Deputación de Ourense, coa colaboración do Concello serán unha ducia as actividades diferentes que se realizarán dirixidas a escolares de entre 8 e 17 anos, en diferentes especialidades. O equipamento que vén de poñer en marcha o Concello consolida así a súa aposta como centro de coñecemento e difusión das novas tecnoloxías co obxectivos de poñelas ao alcance de todo tipo de públicos.
O mes de abril arrinca cunha primeira proposta: “Obradoiros de programación”, que se desenvolverán os martes e os xoves, desde a semana próxima ata finais de xuño. O Concello abre o prazo de inscrición a través da web www.lamolinera.net.
O obradoiro trata de desenvolver unha actitude curiosa e lúdica ao mundo da programación e os circuítos. Que os nenos se abran a novas vías de exploración, creación e coñecemento, que doutra forma lles serían difícilmente accesibles. Internaranse no mundo das tecnoloxías á vez que reflexionan sobre a capacidade de solucionar pequenos problemas interactuando cos obxectos.
As actividades infantís continuarán os días 13 e 14 de maio con microobradoiros de «Stopmotion: Historias con personaxes inanimados», e»Pintura conductiva: achega á eletronica e ás artes dixitais», para nenos de 8 a 15 anos.
O día 14 haberá outros dous microobradoiros, neste caso para nenos de 11 a 17 anos, sobre «Drons: róbotica, montar un dron e facelo voar», e «Impresión 3D».
As propostas para os máis cativos continuarán en xullo, cun campamento dixital. Menores de 8 a 15 anos serán protagonistas dun programa formado por técnicas de audiovisuais: fotografías, stopmotion e video mapping, programación: impresión 3D, robótica e recortado laser, e de son -DJ. Haberá dous grupos, un por cada quincena do mes de xullo.
Charlas e conferencias para adultos
Asemade, o centro municipal La Molinera acollerá tamén outras actividades da ICC Week para persoas adultas. Así o 13 de maio, haberá unha mesa redonda sobre“Economía creativa e o futuro dos contidos”, e a conferencia do profesor José Rivela e os seus alumnos, xunto á proxección da curtametraxe “Looking for Bill Viola”. E o 14 de maio, as conferencias sobre «Novas tecnoloxías dixitais na educación», «Música dixital con Maschine, experienca práctica musical» e unha charla sobre música dixital.