O voceiro do grupo popular no Concello de Ribadavia, César Fernández Gil, vén de denunciar a «pasividade» e «inacción» do alcalde ante a caída dun muro no perímetro do recinto do pavillón situado na rúa Eduardo Chao, un recinto de uso compartido polo Concello e a Consellería de Educación. César Fernández sinalou “que malia a que a caída do muro produciuse xa hai varios días, o alcalde aínda non fixo nada por resolver este problema nin por asegurar a zona para evitar novos desprendementos, nunha zona moi sensible dada a afluencia de nenos e nenas a este pavillón”.
O alcalde, engadiu César Fernández, “demostra así que non lle preocupa a seguridade dos cativos e cativas que se achegan a este pavillón para facer deporte”, pois a día de hoxe, «non se molestou siquera en asegurar a zona e acordonala para evitar riscos á veciñanza». Ademais, o voceiro popular sinalou que “a situación é de extrema gravidade, xa que se corre o risco de que se produzan novos desprendementos en calquera momento”.
O grupo municipal do Partido Popular solicitou, mediante escrito dirixido ao alcalde de Ribadavia “a inmediata actuación dos servizos municipais para proceder a asegurar a zona e, ademais, proceder de xeito inmedito ao arranxo do muro para evitar maiores danos materiais ou, o que sería peor, danos persoais dada a cantidade de persoas, principalmente cativos, que utilizan esta instalación”.