A primeira edición de «Terra Máxica» está a ter lugar desde o 1 de abril en diversos escenarios de seis concellos da provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Barbadás, Verín e Viana do Bolo. No local social Aira de Arriba, de Baños de Molgas, estará «A historia de Brancaflor», de Fran Rei, este sábado ás 19 horas. Antes, ás 16.30, o mesmo local acollerá unha función de tipo social, coma as que o programa leva desenvolvendo en varios centros da terceira idade ou asilos.
Esta iniciativa, organizada polo Mago Teto e Culturactiva S. Coop. G., mantense grazas ao traballo en rede destes seis concellos, nun esforzo por achegar a cultura á cidadanía, non só nos grandes escenarios, senón noutro tipo de espazos, e por dinamizar máis aínda a vida cultural destes concellos a través das artes escénicas, máis en concreto, con maxia de primeiro nivel.
«A historia de Brancaflor», narración oral e maxia
As mellores historias son as que poden saír do maxín dos nenos e nenas. Un espectáculo a medio camiño entre a maxia e o contacontos, dirixido polo Premio María Casares Avelino González. A través da maxia e do clown cóntase a lenda de Brancaflor. Os once pretendentes de Brancaflor asócianse con cadanseu xogo de maxia e ela terá que seleccionar o seu namorado ao longo dunha hora de maxia, contos e humor para grandes e pequenos.
Fran Rei leva un espectáculo a partir de sinxelos xogos de maxia, do clown, da participación do público e da marabillosa tradición narrativa galega, a partir de textos de autores galegos, adaptados polo recoñecido actor, director e dramaturgo Avelino González. O protagonista tentará resolver a través de rutinas máxicas e da cooperación co público todos os impedimentos e probas que se lle presentan a Brancaflor durante a trama da historia.