Na década dos cincuenta do pasado século, Enrique Gómez Pato percorría as rúas de Verín con efémeras esculturas de madeira recubertas de plantas silvestres. Ao carón ou agochado no interior, el e os seus acompañantes cantaban e espallaban unhas coplas que a veciñanza agardaba pola súa creatividade e crítica.
Na súa lembranza e para que se manteña esta manifestación da nosa cultura popular, o Concello de Verín organiza un ano máis unha concentración de Maios artísticos, tradicionais e humanos.
Nesta concentración non competitiva poderán inscribirse, no Concello de Verín antes do 23 de abril, centros de ensino da comarca de Verín, institucións e asociacións culturais e sociais que estean rexistradas e que mantiveran actividades públicas despois da Festa dos Maios do 2015.
Os maios participantes colocaranse no Parque da Alameda nos lugares que o sorteo determine entre as 10 e as 11 horas do 1 de maio e permanecerán nesa posición até que a organización conclúa o acto. Os maios que se presenten á concentración poderán ser artísticos ou enxebres, e terán que presentar no exterior na súa totalidade elementos naturais, como xestas, carrabouxos, flores, madeiras ou pedras.
Como axuda para os custos da montaxe, a cada asociación que concorra á concentración e cumpra os requisitos mínimos fixados nestas bases entregaráselle unha cantidade de 200 euros en coplas sen cargo. Como excepción, aos centros de ensino, polas características específicas das comunidades educativas, entregaráselle unha cantidade en metálico de 175 euros e 25 coplas sen cargo.
As coplas serán elaboradas polos grupos participantes; deberán seguir unha orde temática, non ter menos de 16 estrofas de catro versos nin máis das que, nunha tipografía lexíbel, se poidan reproducir nun DIN A4 impreso a unha cara. O texto entregarase dixitalizado na Casa do Concello antes das 12:00 h do mércores día 27 de abril.
O texto, do que se fará unha edición única e conxunta de todos os participantes, será vendido ao prezo dun euro, e tratará de cubrir obxectivos culturais e sociais. Á Cruz Vermella entregaránselle 600 exemplares para vender e dedicar a cantidade obtida aos seus programas asistenciais na comarca de Verín.