Repartirán 5.000 euros en premios, e terán lugar os días 14 de maio e 21 e 22, respectivamente. Anotarse é gratuíto.

Encher as rúas de Ourense de artistas. Ese é un dos propósitos da segunda edición do Concurso de Pintura Rápida e do Maratón de Fotografía Cidade de Ourense, presentados esta mañá no salón de plenos. O evento, organizado polo departamento de Cultura e promovido pola asociación LADDO, repartirá 5.000 euros en premios e está aberto á inscrición de todos os públicos.

O concurso de pintura terá lugar os vindeiros 14 de maio, e o de fotografía o 21 e 22 de maio. “Trátase dun evento que lle dá ás rúas de Ourense moita vida polo que ten de participativo, xa que na primeira edición houbo preto de 250 anotados, pero tamén moi atraente para as persoas que observan o traballo dos artistas”, dixo o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, durante a presentación, na que tamén estaba presente a titular de Cultura, Belén Iglesias.

A mecánica dos concursos é sinxela: no de Pintura Rápida, os concursantes deberán presentarse na Sala Valente entre as 9:00 e as 10:00 horas para a numeración e selado dos soportes. Os traballos serán realizados in situ. Permitiráselles aos participantes un único soporte por persoa, montado sobre bastidor ou calquera estrutura ríxida. As dimensións non superarán os 120 cm. no seu lado máis longo. As obras entregaranse de 16:00 a 17:00 horas no lugar da presentación, onde serán expostas até as 20:00 horas sobre o seu cabalete. Só se poderán asinar logo da cerimonia de entrega de premios.

Haberá tres categorías de 10 a 13 anos, de 14 a 17, “unha novidade respecto a primeira edición para animar os máis pequenos a participar no proceso creativo e facer canteira”, en palabras de Moncho Barazeiro, un dos organizadores do evento, e de 18 en adiante. Os premios irán dos 100 aos 1.500 euros, ademais de material de traballo para os cativos.

O II Maratón de Fotografía Cidade de Ourense, unha semana despois, rexerase por similares condicións. Tres categorías (de 10 a 13, 14-17 e a partir de 18) con premios dos 100 aos 1.200 euros. Ás 12:00 horas do sábado 21 de maio daráselle a saída ao Maratón e informarase os participantes do primeiro tema deste concurso, e así ata catro en función dos temas entregados pola organización nos puntos de control establecidos, pero sempre dentro dos límites do Concello de Ourense. Para iso, “os participantes poderán moverse de forma gratuíta no autobús urbano, grazas á axuda de Urbanos de Ourense”, lembro Daniel Gallego, da asociación LADDO:

As imaxes -só en arquivo dixital- serán entregadas directamente no punto de control emprazado no Centro Municipal José Ángel Valente antes das 12:00 horas do día 22 de Maio. As propostas deberán enviarse en arquivos JPEG cunha resolución mínima de 2000 píxeles no seu lado maior, e cun tamaño mínimo de arquivo de 2Mb, sen engadir pés de foto, marcos ou bordos. Serán entregados, na data indicada, nun soporte CD facilitado pola organización ao comezo do evento.

A inscrición en ambos eventos formalizarase, de forma gratuíta, o propio día do concurso no Centro Municipal José Ángel Valente unha hora antes do comezo ou a través do formulario disposto na páxina web: www.ourensecultura.com