O grupo municipal socialista de Xinzo denuncia a «grave contaminación» que se está provocar a causa das augas fecais procedentes da canceira municipal que, dende o 2014, xestiona a Deputación Provincial.
Segundo denuncian desde o PSOE, a canceira verte as augas sen depurar directamente á gabia que vai paralela a pista de Mosteiro e que entronca coa OU-301.
“O alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, non pode permitir que se estea contaminando o entorno polas deficiencias dunha instalación como a canceira municipal, que xa comezou con mal pé, pois contaba con persoal antes de ter cans” di Elvira Lama, Portavoz municipal e Deputada provincial por Xinzo.
“A acumulación de augas fecais procedentes dunha instalación onde se tratan animais con medicamentos, ademais de non estar permitida, é altamente contaminante para o entorno e mesmo para a saúde das persoas se entra en contacto con algún acuífero. Non se pode permitir que unha instalación nova con apenas tres anos de funcionamento estea a contaminar o entorno por desidia da propia Deputación Provincial coa permisividade do Concello” di a portavoz socialista.
O PSOE vén de rexistrar un escrito solicitándolle ao Alcalde que “esixa da Deputación provincial, a inmediata conexión á rede de saneamento mais próxima ou a limpeza, con maior frecuencia, da fosa séptica da mencionada canceira”
“De non ser así verémonos obrigados a facer as denuncias pertinentes ante as autoridades competentes”, manifestan os socialistas.