O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, visitou as obras de urbanización dos accesos ao Edificio Xudicial, do que se cumpre un ano desde a súa posta en funcionamento, xunto co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e a delegada territorrial, Marisol Díaz. Estas obras, que conectarán as rúas Francisco Lloréns Díaz e Velázquez, contaron cun orzamento de 180.023 euros, e están practicamente rematadas logo de tres meses de actuacións.
As actuacións na rúa Francisco Lloréns foron realizadas cos criterios de accesibilidade -paso para ambulancias, coches de bombeiros, e os propios veciños- e sostibilidade, ao adaptarse á topografía existente evitando así o transporte de terra fóra do seu ámbito. Tamén se contemplou a instalación de abastecemento de auga, sumidoiro e drenaxe, media e baixa tensión, alumeado público e telecomunicacións. Actualmente, trabállase na colocación de xardineiras en aceiro cortén, varandas nas escaleiras e proteccións no muro para separar coches de peóns.
O vicepresidente da Xunta cualificou a actuación como imprescindible para mellorar a contorna do novo edificio xudicial e facilitar o acceso ao inmoble.
Prevese, xa que logo, que a semana que vén se poida abrir a rúa ao tráfico.
Accesos ao Centro de Saúde O Couto
“No Concello de Ourense imos iniciar os trámites para a contratación, mediante procedemento de gasto anticipado, das obras para adecuar tamén o tramo que conduce ao Centro de Saúde do Couto”, comentou o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quen quixo lembrar que foi unha actuación iniciada polo grupo de goberno anterior para harmonizar toda a área do Couto. Así, iniciaranse os trámites para poder iniciar estas obras coa maior brevidade posible, co fin de “manter nas mellores condicións os accesos a esta importante infraestrutura que dará servizo sanitario a este barrio de máis de 20.000 habitantes”, dixo.
Accesos ao Complexo Hospitalario
A Axencia Galega de Infraestruturas anunciou, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a licitación para a execución da urbanización dos accesos ao Complexo Hospitalario de Ourense en virtude do convenio da mesma co Servizo Galego de Saúde, a Deputación Provincial e o Concello de Ourense. O prazo de presentación de proposicións rematará o 11 de maio.