O grupo municipal Ourense en Común absterase no pleno extraordinario do 19 de abril, solicitado por Democracia Ourensana para pedir a dimisión do alcalde se non consigue unha serie de compromisos na integración da alta velocidade en Ourense.
“Dende Ourense en Común compartimos a indignación de Gonzalo Pérez Jácome pola mala xestión que o Partido Popular e o propio Jesús Vázquez están amosando na integración do AVE. É evidente que falta coordinación entre administracións na redacción de proxectos, deféndese unha intermodalidade ficticia, existe inacción para reducir o seu impacto, etc. Pero malia a todo o anterior, a moción presentada por Democracia Ourensana para o seu debate é insostible en termos de coherencia política”, apunta o voceiro Martiño Xosé Vázquez.
A asemblea veciñal aberta que Ourense en Común celebrou a pasada semana nas Burgas decidía non apoiar a moción de Democracia Ourensana ao observar numerosas incoherencias na súa solicitude.
“Gonzalo Pérez Jácome solicita a dimisión do alcalde se non consigue unha serie de compromisos en datas concretas que no texto non se definen (aparecen citadas: 30 de abril, 15 de maio e 30 de maio). Ao marxe de posibles erros de redacción, non é lóxico condicionar a dimisión do alcalde a unha data que non depende do propio concello senón da administración autonómica e estatal. De igual modo, cítanse características que debe ter a nova estación de tren como metros cadrados para oficinas ou restaurantes, que deberían ser valoradas por técnicos competentes e non por políticos. Nós estamos para definir o que facer, neste caso unha estación intermodal e permeable entre barrios, non para definir o como nin o quen. Algo que non todos os grupos comprenden”.
O grupo municipalista tiña previsto emendar o texto a debater pero o carácter extraordinario do pleno impide esa fórmula. Razón pola que malia a concordar en parte, non apoiarán a moción de Democracia Ourensana e optarán por absterse na votación.
“Pedirémoslle ao alcalde D. Jesús Vázquez Abad que asuma os compromisos que aparecen no seu propio programa e que o propio Partido Popular defendeu no pasado ao respecto da integración do AVE en Ourense. Na súa man quedará loitar por eles e non ser vítima das estratexias electorais do seu propio partido. No caso de non conseguilos debería dimitir por iniciativa propia sen que Gonzalo Pérez Jácome o solicitara, pois estamos perante a infraestrutura máis relevante para o noso concello nos próximos cen anos”.