O sindicato de Enfermería SATSE denuncia as condición nas que vai a quedar o centro de saúde Novoa Santos cando se abra o centro de saúde do Couto. Segundo o sindicato, o novo centro de saúde non vai supoñer incremento de persoal, pois do que se trata é de “desvestir un santo para vestir a outro”.
Segundo informa a secretaria provincial de Satse Ourense, Pilar Oviedo, trala reunión mantida tanto cos profesionais do centro de saúde Novoa Santos, como a coa Comisión de Centro de Atención Primaria, a Xerencia infórmalles que o novo ambulatorio do Couto contará cunha dotación de 12.500 tarxetas sanitarias de adultos e 1.500 de pediatría, distribuidas entre: 9 médicos (5 de mañá, 3 de tarde e 1 deslizante), 2 pediatras (deslizantes), 9 enfermeiras (5 de mañá, 3 de tarde e 1 deslizante), máis 2 enfermeiras para pediatría (deslizantes). Todos eles serán trasladados dende o Novoa Santos. Tamén contará cunha matrona que compartirá co Novoa Santos.
No que respecta a médicos de familia e de enfermería Satse salienta que non hai ningún posto novo; as únicas creación novas que haberá será un fisioterapeuta, un técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería, e 2 traballadores de Servizos Xerais. En servizos como Odontoloxía ou Traballador Social, non hai pronunciamento firme, sinala o sindicato de enfermería.
Situación do Novoa Santos
O que máis lle preocupa a Satse son as condicións nas que queda o centro de saúde Nóvoa Santos, tanto estruturais como de persoal. «Fai máis de 11 anos que se leva denunciando a situación e a necesidade de remodelación de este vello e mal acondicionado Centro que data de mediados do século pasado, do que o único que se conseguiu foi un proxecto polo que xa se pagaran catro millóns das antigas pesetas, e que quedara en nada», apunta Satse, recordando que o ambulatorio incumpre «toda normativa de seguridade e saúde».
No que respecta ao persoal a situación agrávase pola disminución do mesmo, neste caso cunha dotación de 15.000 cartillas de adultos, 2.200 de pedriatría, distribuidas entre 12 médicos (7 mañá, 4 tarde e 1 deslizante), 2 pediatras, 12 enfermeiras (6 mañá e 4 deslizante, máis 2 para pediatría) «sendo as enfermeiras de deslizante o grupo mais prexudicado, xa que é totalmente desequilibrado, pois pódese dar que de tarde estean 5 médicos e soamente 2 enfermeiras», valoran. As matronas tamén quedan reducidas a dous, ao igual que o persoal de citación, que se verá mermado en dous efectivos que pasan ao Couto.
O sindicato de enfermería esixe que se dote do persoal necesario, sobre todo de enfermería, alomenos na quenda de deslizante, e anuncia que se reserva «o dereito a interpoñer as denuncias oportunas ante organismos competentes na materia no caso de que non se solucionen estes problemas».