O curso que vén comezará a impartirse no campus de Ourense o novo grao de Enxeñaría Aeroespacial. Ourense sumarase así ás dez cidades españolas que contan con esta titulación e agarda así converterse “na porta pola que entre o talento no novo polo aeronáutico galego”, en palabras do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo
A nova titulación foi presentada por Feijóo nun acto na Delegación da Xunta de Ourense, no que tamén participaron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, a delegada da Xunta na provincia, Marisol Díaz Mouteira, e o secretario da Xunta de Titulación e futuro director da Escola de Enxeñaría Aeronáutica , Arno Formella. Representantes do sector universitario e empresarial ourensán estiveron presentes.
O grao de Enxeñaría Aeroespacial terá 240 créditos repartidos en catro anos, cunha formación básica e común ás titulacións da rama tecnolóxica, con materias como matemáticas, informática, física, química, empresa ou expresión gráfica. Tamén terá o “toque especial” da Universidade de Vigo, apuntaba Fornella, 12 créditos para materias como enxeñaría de sistemas e comunicación, aerorreactores ou cálculo numérico. Con 50 prazas dispoñibles, os estudantes poderán especializarse realizando nos dous últimos cursos a mención en Aeronaves ou a mención en Equipos e Materiais Aeroespaciais. Xa están planificados os recursos e o persoal necesarios para impartir o seu primeiro curso a partir de setembro, faltando só por definir a ubicación exacta da escola nas instalacións xa dispoñibles do campus de Ourense. “Todo está listo, só nos faltan os estudantes”, sinalou Formella, que apuntou como este mesmo martes chegou á Universidade de Vigo o informe definitivo da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia dando a súa aprobación á memoria de título presentada.
No deseño do grao tívose en conta “o interese do tecido empresarial galego”, apuntou o reitor, Salustiano Mato, así como a especialización da universidade do sur de Galicia no sector espacial. O rexedor ourensán e anterior conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, recordou que esta proposta académica naceu fai ano e medio logo dun intento fallido” (Enxeñaría Física) e coa intención de potenciar “un campus periférico” como é Ourense.
Pola súa banda, Núñez Feijóo salientou que o grao de Enxeñaría Aerospacial é unha oportunidade para o novo modelo produtivo polo que aposta a Xunta e enmarcouno na triple proposta que fai o Executivo galego para o sector aeroespacial-aeronáutico. Unha primeira vertente empresarial no Centro de Innovación Aeroespacial de Nigrán, unha segunda industrial, co polo de avións non tripulado de Rozas, en Lugo, e unha terceira, “do talento e da formación”, en Ourense. “Pechamos o triángulo do coñecemento aeroespacial, co obxecto de construír, traer empresas e formar”, dixo. “Intentamos que unha nova industria poida ter distintos puntos de inflexión na xeografía galega”, precisou.
O mandatario recordou que foi o sector tecnolóxico un dos que mellores resistiu a crise, “mantendo facturación e emprego (15.000 postos de traballo en Galicia)” e agora ten que seguir “despegando”. Non se parte de cero, pois en Ourense e Vigo hai empresas que están vendendo pezas ás principais empresas de aviación do mundo. Citou o caso de Coasa, que desde Ourense fabrica as comportas do tren de aterraxe dos Airbus.