A ourensá Ruth González Robles, ex alumna da EASD Antonio Faílde de Ourense, é a autora do cartel gañador do concurso de carteis para a festa dos Maios 2016. A Concellería de Cultura recibiu un total de 24 propostas, das que o xurado decidiu por unanimidade a elección do deseño baixo o pseudónimo “Gú 2”, presentado co número sete.
Os criterios do xurado, composto por Eva Torres, directora de Áreas Expositivas do Concello de Ourense, Antonio Ferreiro, profesor da EASD Faílde, e técnicos de Cultura e de Comunicación do Concello de Ourense, destacou “a claridade, limpeza e frescura que achega o deseño, facilitando a mensaxe que se lle pretende proxectar á cidade”. Así mesmo, destacouse “a composición, sintética e actual, que transmite a artesanía da creación tipográfica para achegarse á esencia tradicional da festa”.