A apertura do Centro Cultural e das Artes de Verín –aínda sen certificado final de obra – e a nova glorieta de acceso ao polígono de Xinzo son as imaxes da portada do número de abril do periódico Barrios.
No interior da publicación, informamos da denuncia do PP de Verín do que consideran excesivo gasto de 60.000 euros en plantación de árbores por parte do Concello. Tamén do último informe do Observatorio Económico do Inorde, que indican unha baixada importante do paro na comarca de Allariz-Maceda e un lixeiro descenso no caso da Limia. Amáis, Medio Rural busca financiación para os regadíos da Limia, e o Concello de Allariz pon en macha un pioneiro programa de reciclaxe.
As polémicas ao redor da Festa do Boi de Allariz e da substitución dunha estatua por outra nunha rotonda de Celanova son outros dos referentes informativos deste número, no que tamén incluímos un especial con recomendacións de empresas para celebrar vodas ou comuñóns.
En Barrios tamén entrevistamos a Marisol Mendive, profesora de Música e responsable do Ciclo de concertos didácticos de órgano no Mosteiro de San Rosendo. No apartado deportivo, informamos das vitorias nas carreiras populares de Xinzo e da Merca, e no cultural, das próximas celebracións dos Maios en Verín e Allariz.
Todo isto e máis contidos, no número de abril do periódico Barrios.