A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladoulle ao alcalde de Manzaneda, David Rodríguez Estévez, que o departamento que dirixe analizará a situación actual dos tanques de abastecemento de Cubeiros e Borruga, co fin de garantir o abastecemento de auga aos veciños, sobre todo nas épocas estivais.
Nese sentido, Augas de Galicia determinará –xunto co concello- que melloras se poden executar para asegurar a chegada do recurso hídrico aos fogares, sobre todo nos meses de verán, pois -tal e como lle trasladou o alcalde- neste momento é un dos problemas prioritarios a solventar.
Por outra banda, a conselleira tamén mantivo un encontro de traballo co alcalde de San Amaro, Ernesto Pérez González, para a analizar as necesidades de equipamento deste municipio. Nese sentido, Mato Otero comprometeuse a analizar a posibilidade de colaborar nun proxecto de mellora do urbanismo na zona.