A Oficina de Promoción Económica de Barbadás, PROECO, dependente da Concellaría de Promoción Económica, vén de crear un banco de emprego municipal co obxectivo de contribuir a impulsar a situación laboral actual da veciñanza do concello.
Este servizo, dirixido tanto a empresarios como a demandantes de emprego ou a persoas que queiran mellorar a súa ocupación laboral, consiste nunha plataforma na web municipal de Barbadás que ofrece aos demandantes de emprego o acceso a ofertas de traballo e aos empresarios a posibilidade de contar cos perfís axeitados para cubrir as vacantes na súa empresa.
Os demandantes de emprego cubrirán cos seus datos persoais, experiencia e formación unha ficha de demanda de emprego, onde poderán incluir o seus curriculums.
Pola súa banda, os empresarios que oferten traballo, poden facer o mesmo cubrindo uns formularios dispoñibles na web, dende calquera punto de acceso a internet e a calquera hora, datos que posteriormente serán cruzados por persoal da oficina, facilitando o contacto entre ámbolos dous interesados.
Para Xosé Manoel Fírvida, concelleiro de Promoción Económica, este servizo gratuíto pretende ser útil para facilitar a conexión oferente–demandante de emprego e ademais, pretende ser unha plataforma activa do mercado laboral no Concello.