“É un proxecto estratéxico para este goberno municipal”, en palabras do voceiro do grupo de goberno, José Araújo, “entre dous lugares emblemáticos como son As Burgas e a praza Maior”.

A Xunta de Goberno local do Concello de Ourense, celebrada este xoves, resolveu un total de 30 asuntos achegados polas diferentes áreas municipais. Entre todas elas, o voceiro do grupo de goberno, José Araújo, quixo destacar a entrega do inmoble da rúa Barreira número 12 a disposición da Axencia de Turismo de Galicia “para que execute as obras que permitan adecualo para o seu uso como albergue de peregrinos, un proxecto estratéxico para este goberno municipal na medida en que virá dotar dun atractivo adicional a nosa cidade nun emprazamento privilexiado, o Casco Vello, e entre dous lugares emblemáticos como son As Burgas e a Praza Maior”.

Nesta aposta pola promoción e pola proxección da cidade dentro do ámbito turístico, cóntase con que nos vindeiros meses poida estar a obra comezada en virtude do acordo, que supón un investimento de preto de 800.000 euros. Porén, non foi o único asunto relacionado co turismo resolto en xunta de goberno: “Aprobamos tamén o convenio a subscribir entre a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e o Concello para a realización de actividades de promoción, dinamización e fomento do turismo”, cunha achega de 70.000 euros por parte da Xunta e un investimento total de 82.000 euros

Este novo convenio incluirá dúas liñas, unha de mellora de infraestruturas turísticas -adecuación de instalacións da área termal de Outariz cun bar con terraza cuberta, aseos públicos, vestiarios con gardarroupas e punto de información turística- e outra de promoción -instalación e renovación de paneis informativos no paseo da ribeira do Miño entre as áreas termais da Chavasqueira, O Tinteiro, O Muíño e Outariz-.

Infraestruturas

A proposta da área de Infraestruturas, aprobouse o proxecto de execución para as obras de “adecuación das rúas Ousande e Enxido”, en Cabeza de Vaca, por importe total de 123,333 euros. O proxecto contempla actuacións para mellora da pavimentación deste viario mediante a colocación dunha lousa de formigón, o tendido de condutos para instalacións eléctricas e de telefonía para o seu futuro soterramento, a mellora da drenaxe, limpeza e construción de novas cunetas, e acondicionamento de pozos e arquetas. Insisto, trátase do proxecto para ver como podemos actuar da mellor maneira.

Outros asuntos

Na mesma Xunta de Goberno adxudicouse o servizo de casa de acollida de mulleres vítimas de violencia de xénero á Fundación de Solidaridad Amaranta por un importe de 91.000 euros, por ser a única oferta que se presentou ao procedemento aberto convocado polo Concello.

Acordouse tamén a prórroga do contrato do servizo de xestión de visitantes dos espazos expositivos do antigo Banco de España e do claustro de San Francisco, subscrito coa empresa Combina Social polo período que vai do 8 de xuño de 2016 ao 8 de xuño de 2017. A empresa terá que cumprir coas melloras ofertadas na súa proposta económica: realizar 150 horas gratuítas para esta prórroga dun ano de contrato.

Asemade, a Xunta de Goberno deulle luz verde ás bases e a convocatoria da edición número 13 do Certame Literario Rosa Gómez 2016, cun gasto de 900 euros. O certame premiará obras de narrativa e poesía escritas en castelán -xa que era literatura española a materia que impartía a profesora Rosa Gómez no IES Blanco Amor- realizadas por alumnos de ESO, Bacharelato, Ciclos medios e superiores dos colexios de Ourense. Dará premios de entre 100 e 300 euros e os traballos deberanse presentar ata o día 2 de maio na Concellería de Educación, na Praza de San Martiño, 2.