A Concellería de Sanidade pon en marcha «Ocio en Familia», un programa de lecer gratuíto dirixido a familias con nenos de 4 a 14 anos que ten como obxectivo fomentar alternativas de tempo libre en común e divertidas.
Este programa persegue, mediante diferentes obradoiros que terán lugar no mes de maio, que nais e pais poidan levar a cabo habilidades que fomenten unha dinámica de convivencia familiar positiva e que faciliten o desenvolvemento integral dos menores e adultos no ámbito familiar. Ademais, tenta ser una resposta á demanda de nenas e nenos de pasar máis tempo cos seus proxenitores.
Así, o programa contén actividades coma ‘Mira Ourense con outros ollos’ (1 de maio), que consistirá nunha visita guiada pola cidade vella, claustro de San Francisco e Museo Arqueolóxico; ‘Xogos para compartir’ (8 de maio), que suporá retomar os xogos tradicionais entre xeracións; ‘Auga e ruta termal’ (15 de maio), coa que se pretende aproveitar os recursos termais da cidade rematando o paseo cun baño quente; ‘A luz da lúa’ (21 de maio), que consistirá nun percorrido nocturno polos arredores da cidade finalizando cunha verbena na Praza Maior; e ‘Andaina sen fume’ (29 de maio), para celebrar o Día Mundial sen Tabaco. Todas estas actividades son gratuítas previa inscrición, ata o 27 de abril, na Concellería de Sanidade [rúa Concordia 20 ou no teléfono 988.510.622].
A maiores das mencionadas, «Ocio en Familia» convoca o II Concurso de Fotografía co obxectivo de que as familias participantes no programa poidan plasmar as experiencias compartidas en momentos de lecer. O prazo de presentación do concurso é até o 15 de xuño de 2016.