A Consellería de Política Social, na figura do seu titular, José Manuel Rey Varela, continúa coa súa rolda de encontros cos representantes das institucións públicas de Galicia para coordinar a atención social dos cidadáns galegos. Nesta liña, o responsable da área social segue a manter encontros de traballos periódicos cos alcaldes galegos para establecer, desde o consenso e a coordinación, as liñas de actuación social que beneficien a todos os cidadáns de Galicia a través da optimización dos recursos locais e autonómicos.
Deste xeito, a Xunta de Galicia adquire cos responsables das entidades locais o compromiso de acadar unha política social axeitada que se adapte as necesidades de cada municipio co obxectivo de impulsar novas vías de colaboración social que melloren os servizos sociais. No día de hoxe, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reuniuse co alcalde do concello ourensán de Piñor, José Luís González Rodríguez.
Na xuntanza, que tivo lugar no despacho do conselleiro en San Caetano, ambos mandatarios salientaron a situación do municipio ourensán no que atinxe ao Servizo de Axuda no Fogar cunha ratio de atención do 81,69% grazas ao incremento de 70 horas máis neste exercicio. Rey Varela situou a colaboración entre a Xunta e o concello na procura de acadar o 100% da atención deste servizo. Do mesmo xeito, alcalde e rexedor estudaron novas vías de colaboración para a creación dun centro de día ou residencia públicos para atender aos maiores do municipio ourensán.