Os días 24 e 25 de xuño celebrarase nun municipio da provincia este evento ao que acudirán participantes de diferentes localidades de Galicia. O evento está co-organizado pola Deputación de Ourense.
Deporte, diversión e traballo en equipo é a filosofía desta competición, inspirada no espírito do popular programa de televisión dos anos 90 e coa que se busca premiar á localidade “máis en forma” de España. A proba consiste nun circuíto de seis quilómetros no que se intercalan diferentes obstáculos naturais e artificiais, ademais de probas de equilibrio, habilidade e axilidade mental que os participantes deberán resolver contra-reloxo e coa axuda dos demais compañeiros de competición.
Participación
Para participar no Grand Prix é necesario formar un equipo mixto de entre 6 e 12 integrantes, que representará ao lugar de residencia da maioría deles, desde un barrio ou parroquia ata unha gran cidade, decidindo cada equipo a demarcación xeográfica que quere defender. A carreira disputarase mediante un sistema de quendas, tomando a saída 10 equipos cada 15 minutos. A efectos da clasificación xeral, o sexto clasificado de cada equipo será o que determine o tempo final do seu equipo.
O Grand Prix celebrará o 24 de xuño a proba dos participantes menores de 18 anos, na que poderán participar nenas e nenos de 8 a 12 anos na categoría júnior e de 13 a 17 anos na modalidade promesas. Nestes casos, os equipos poderán estar formados por entre 4 e 8 integrantes, que se enfrontarán a un circuíto máis curto e adaptado ás súas condicións. A proba de adultos terá lugar o sábado, 25 de xuño.
As inscricións poderán formalizarse na web do evento: www.elgrandprix.es a partir do vindeiro 3 de maio, estando limitada a participación a 100 equipos na versión adulta.