Este xoves foi presentado no salón de plenos do Concello de Celanova o espectáculo «O Son do Sabugueiro». Este espectáculo de raigame tradicional conta cunha posta en escea de 80 persoas entre actores, músicos, cantantes, bailadores e responsables de escenografía. O argumento ten base na vida de Román, un barqueiro do río Ulla que conta como se desenvolve a súa vida a carón dun río, e nos diferentes lugares de esparcemento que había fai preto dun século en Galicia.
O colectivo que se encarga de desenvolver esta proposta é a agrupación A Pontevella de Teo (A Coruña), que cabe recordar que é un dos grupos con máis prestixio e recoñecemento no panorama folclórico galego, algo que demostran as decenas de galardóns que veñen acadando nos derradeiros anos en diferentes certames e concursos.
A cita será o vindeiro domingo 24 de abril no Auditorio Ilduara de Celanova as 18:30 horas, sendo o prezo da entrada de 5 euros. Estas pódense adquirir de maneira anticipada na oficina de turismo de Celanova ou ben na propia taquilla do Auditorio.