As termas do Muíño da Veiga contan, desde este luns, cun acceso de tres quilómetros en mellores condicións. Concello e Deputación de Ourense, no marco do comité permanente de cooperación entre as dúas institucións para a dinamización dos proxectos de interese común, arranxaron o camiño da Vía Vella, que conecta a N-120 co aparcadoiro da zona termal, “unha demanda veciñal e unha reivindicación dos usuarios que accedían en coche a través do acceso”, segundo comentou na visita ás obras o concelleiro de Infraestruturas, José Araújo.
Cun orzamento de 60.000 euros -asumido integramente polo Goberno provincial– e un prazo de execución de tres meses, as obras consistiron no asfaltado aglomerado mixto do primeiro tramo e capas de zahorra para o resto, así coma a construción de cembas na zona máis próxima ao río. Jorge Pumar, vicepresidente da Deputación de Ourense, insistiu no compromiso da institución na colaboración en asuntos de interese común para o Concello de Ourense o o resto dos 91 concellos restantes” e, sobre todo, “unha clara aposta a prol do termalismo”.
As actuacións no camiño da Vía Vella, unha vez acondicionados os accesos, completaranse cunha mellora na sinalización para que os vehículos que transitan pola N-120 sentido Vigo estean mellor informados. “Se queremos sacar peito dos noso potencial termal, debemos estar á altura da situación”, concluía o concelleiro José Araújo, quen lembrou que “a mellora do acceso á zona termal foi un dos primeiros compromisos que adquiriu o goberno cos cidadáns”.