A conselleira de Infraestruturas mantivo unha reunión de traballo cos membros da Federación de Comercio de Ourense.

Ethel Vázquez informa aos comerciantes sobre o transporte metropolitano

Ethel Vázquez, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Ourense,

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, informou aos comerciantes de Ourense dos beneficios que suporá para a cidade a posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano. Así o fixo na xuntanza que este luns mantivo con representantes da Federación de Comercio de Ourense, na que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta, Marisol Díaz.

Ethel Vázquez indicoulles que a Xunta traballa para poñer en marcha o antes posible este “plan social”, que facilita e abarata os desprazamentos cotiáns dos cidadáns, permitindo, ao tempo, liberar de tráfico o centro da cidade.

Ademais, informou de que neste momento, o Executivo autonómico está a espera de que todos os municipios lle dean o visto bo e prace ao convenio, coa fin de tramitalo o máis axilmente posible, para poder aprobalo no Consello da Xunta e, así, poñelo en marcha o antes posible.

Segundo explicou a conselleira, o Plan de Transporte Metropolitano terá un papel dinamizador do comercio, da economía e da vida social de Ourense como cidade de referencia da comarca, xa que para todos so veciños dos concellos limítrofes será máis barato e sinxelo desprazarse á urbe.

Informou tamén de que a Xunta está a traballar actualmente, de forma coordinada co Concello, no estudo da penetración das liñas interurbanas na cidade, coa finalidade de optimizar os percorridos e as paradas que os auobuses metropolitanos realizan no interior da cidade. O obxectivo deste traballo é minimizar a afección ao tráfico e prestar o servizo que máis se adapta ás necesidades dos usuarios.

Os municipios implicados na posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano son, ademais de Ourense,  Coles, San Cibrao das Viñas, Punxín, Barbadás, O Pereiro de Aguiar, Toén e Amoeiro.