O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez Mourelle, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, visitaron a zona no que se realizarán as obras de urbanización dos novos accesos polo lateral leste do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. O conselleiro explicou que se trata da realización de dúas novas vías que conectan as rúas Nosa Señora da Saínza e Cruceiro Quebrado e permitirán o acceso á zona ampliada do CHUO.
O conselleiro de Sanidade agradeceu especialmente a coordinación e colaboración entre as diferentes administracións implicadas, Xunta, o Concello de Ourense e a Deputación de Ourense, “é un magnífico exemplo do que se pode facer e conseguir cando diferentes administracións colaboran e arriman o ombreiro para levar adiante iniciativas que ten como obxectivo mellorar os servizos que debemos prestar á cidadanía á que nos debemos”. As obras financiaranse gracias a este acordo entre administracións, cun orzamento superior a 1,5 millóns de euros, e a superficie total da actuación será 4.050 metros cadrados. As actuacións limítanse aos viais de titularidade pública indicados no planeamento municipal polo que se están a realizar sen expropiacións.
A actuación, licitada hai uns días, iniciarase no verán de 2016 e terá un prazo de execución de cinco meses.
Ampliación do CHUO
O titular de Sanidade aproveitou esta visita para anunciar que antes de rematar este ano a ampliación do hospital ourensán estará funcionando ao cento por cento. O novo edificio de hospitalización do CHUO terá sete plantas e contará cun total de 14 unidades: 9 son polivalentes médico-cirúrxicas, 1 de psiquiatría, 1 de paliativos, 1 de oncoloxía e dúas unidades innovadoras, integradas no proxecto H2050. O orzamento desta obra ascende aos 41 millóns de euros.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, quixo agradecerlle a todas as administracións participantes, e aos seus representantes presentes na visita desta luns, a ilusión e o esforzo realizado para cumprir o obxectivo de entregarlle este hospital á nosa cidade. “A colaboración entre Xunta, Deputación e Concello permite que a licencia para o novo Hospital de referencia para toda a provincia sexa unha realidade canto antes, algo que conseguimos desbloquear en tempo récord”, asegurou.