A “Xuntanza Internacional de Gaiteiros” vén de ser declarada Festa de Interese Turístico de Galicia pola Xunta de Galicia. A presentación desta declaración tivo lugar no Pazo Provincial da Deputación, coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; o alcalde do Concello de Monterrei, José Luis Suárez; e o axente de desenvolvemento do Concello de Monterrei, Rafael Castro.
A singularidade desta festa vén dada tanto polo lugar onde se celebra, así como por ser o único festival monográfico sobre as gaitas do mundo, tanto no ámbito galego coma estatal, recolle o DOG. Rosendo Fernández destacou que “este foro foi unha verdadeira escola e punto de encontro de gaiteiros e estudosos das gaitas de distintas culturas; neste sentido o evento compleméntase con ciclos de conferencias e coloquios de carácter científico”.
Entre as actividades da Escola de Gaitas merece un lugar destacado a Xuntanza Internacional de Gaiteiros que nace paralela á posta en marcha da Escola. Este evento cultural celébrase dende o ano 1986 con carácter itinerante, celebrándose en distintas localidades da provincia de Ourense, ata o ano 2007 que se establece como sede permanente o Castelo de Monterrei.
O alcalde de Monterrei agradeceu á Deputación de Ourense, que a través da Escola Provincial de Gaitas, “celebre esta Xuntanza Internacional de Gaiteiros de maneira permanente desde o ano 2007 no Concello de Monterrei”,e tamén tivo palabras de agradecemento para “o mestre Xosé Lois Foxo por ser o precursor da idea desta declaración”.
Desde o ano 2015 celébrase en dúas xornadas, fixándose a segunda delas na ponte romana de Ourense, pois “a primeira Xuntanza tivo lugar en 1986 nas festas da Ponte”, sinalou o director da Escola Provincial de Gaitas. Este evento cultural contou coa participación “dos máis distinguidos gaiteiros do mundo, sendo un referente internacional neste momento”, sinalou Xosé Lois Foxo.
A “Xuntanza Internacional de Gaiteiros” celebrará este ano a súa 31ª edición na que participarán “gaiteiros de Irlanda, Holanda, Francia, entre outros, e realizarase con maior grandeza se é posible”, asegurou Xosé Lois Foxo. A declaración de Festa de Interese Turístico, supuxo que a Xunta de Galicia, lle conceda unha axuda de 3.000 euros ao concello de Monterrei para a súa celebración o que permitirá dar un salto cualitativo e cuantitativo ao evento, afirmou José Luis Suárez.